Saturday 11 de May de 2024

O Concello aproba de forma definitiva a modificación da Ordenanza para a Protección e Tenza de Animais, que entrará en vigor a finais de setembro


Este xoves, o pleno ordinario do Concello tamén deu luz verde á normativa marco que permitirá ás e aos axentes da Policía Local o uso de drons para mellorar a seguridade da cidadanía en eventos multitudinarios

O pleno ordinario do Concello da Coruña deu luz verde este xoves á aprobación definitiva da modificación puntual da Ordenanza Municipal para a Protección e Tenza de Animais, actualizando así a normativa vixente desde o ano 1997 e que, ata a actualidade, co Goberno de Inés Rey á fronte, non se sometera a revisión.

Neste sentido, despois de que o propio pleno do Concello concedese en abril a súa aprobación inicial á Ordenanza, aprobouse hoxe de xeito definitivo un texto que incorpora cambios legais como a supresión do sacrificio animal, e introduce requisitos hixiénicos como a obriga da limpeza con auga das miccións dos cans. Ademais, a ordenanza recolle un incremento das sancións por non recoller as dexeccións das mascotas. As infraccións leves que antes oscilaban entre os 30 e os 300 euros, pasan agora dun mínimo de 100 ata 500 euros.

Por outra banda, o texto que actualiza a Ordenanza abrangue a novidade da inclusión da cala de Bens como praia canina durante todo o ano, para que as persoas usuarias poidan ir ao areal acompañadas polos seus cans, podendo permanecer sen correa mais mantendo en todo momento un control permanente e directo dos animais, de forma que non produzan molestias a outras persoas usuarias, segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz.

A este respecto, a reclamación de que haxa máis praias a compartir, ademais da cala de Bens, terase en conta por parte do Goberno municipal como unha suxestión para unha nova ordenanza que se poida tramitar no futuro.

Unha vez que se publique a modificación da Ordenanza no Boletín Oficial da Provincia (BOP), así como o texto, a actualización da normativa entrará en vigor nun prazo de 15 días hábiles, polo que xa será unha realidade a finais deste mes de setembro.

Aprobación definitiva da normativa para o uso de drons pola Policía Local

Por outra banda, o pleno aprobou, tamén de forma definitiva e coa unanimidade de todos osgrupos da Corporación municipal, o Regulamento de uso de sistemas de aeronaves tripuladas por control remoto (RPAS) para a Policía Local da Coruña.

A normativa marco que lles permitirá ás e aos axentes do corpo o uso de drons para mellorar a seguridade cidadá, xa recibiu luz verde na Xunta de Goberno Local do pasado26 de abril e, posteriormente, a aprobación inicial do pleno na sesión ordinaria do mes de maio.

O obxectivo é que a Policía Local faga uso de aeronaves non tripuladas para obter imaxes aéreas que faciliten a toma de decisión co obxectivo de a mellorar a seguridade da cidadanía en determinados eventos, como é o caso das festas de San Xoán ou festivais e eventos ao aire libre cun alto índice de afluencia, explicou a concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz.

A este respecto, a normativa municipal atende á salvagarda dos dereitos e liberdades cívicas e persoais, en especial aos de intimidade e protección de datos de carácter persoal.
Por outra banda, e tamén no pleno ordinario de hoxe, aprobáronse diversas modificaciónsorzamentarias. Entre elas, e de forma inicial, aprobouse o expediente M4/2023, correspondente a un modificativo de crédito de 159.421,87 euros nos Orzamentos 2023, necesario para financiar o proxecto modificado das obras de reforma integral no edificio que acollerá o Centro Cívico Municipal no barrio do Birloque.

Todos os grupos da Corporación municipal votaron a favor da aprobación inicial destemodificativo, motivado polos informes técnicos emitidos pola dirección de obra. Durante aexecución dos traballos xurdiron variacións nas condicións de partida consideradas en proxecto en canto ao estado do edificio, non detectables durante a redacción, o que motivou a necesidade de incluír novas partidas, así como a modificación dalgunhas delas.
“Recolléronse as incidencias sinaladas e tamén se formularon novos traballos necesarios, xustificados pola dirección de obra e que permitirán á cidadanía, nos vindeiros meses, contar cun novo equipamento para uso veciñal nas mellores condicións”, apuntou o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, que tamén destacou que “no mesmo Centro Cívico temos en marcha a creación dunha aula TIC deseñada para reducir a fenda dixital, pensando fundamentalmente nas persoas maiores e facilitar o acceso ás novas tecnoloxías, non só a nivel de usuario, senón tamén para formación e creación de emprego”. 28 minutos de silencio como mostra de condena pola violencia machista

Este xoves, a Corporación municipal gardou 28 minutos consecutivos de silencio como mostra de condena e rexeitamento polas vítimas de violencia machista contabilizadas polas autoridades nestes últimos meses.
“Gardamos 28 minutos de silencio por 28 mulleres asasinadas. Hai quen, desde as institucións, é capaz de negar a realidade tráxica da violencia machista. Cómpre facer unha reflexión profunda como sociedade. O ser humano ten unha capacidade innata para sobrepoñerse e adaptarse a calquera situación, mesmo ás máis tráxicas, mais non debemos resignarnos a que esta sociedade acepte, se adapte ou normalice a violencia machista e os asasinatos de mulleres”, subliñou a alcaldesa, Inés Rey.